Improvisación, arte e solidariedade xúntanse en ‘Coleccionistas’

Noticia extraida da web www.aine.gal (Se queres ler o artigo orixinal pulsa aiquí)

Cada función do novo espectáculo de Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay remata cunha poxa real de réplicas de obras de arte na que participan todos os espectadores. Os beneficios recadados son destinados á Cruz Vermella.

As poxas xa están en marcha. Comezaron este sábado, na Illa de Arousa. Cun cheo absoluto recibiron na localidade pontevedresa a Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay, acompañados do músico Cristian Leggiero. Foi a primeira das once previstas nos próximos dous meses, nas que improvisación, arte, pero tamén solidariedade, mestúranse nun orixinal espectáculo.

E é que a da solidariedade é unha das particularidades máis sorprendentes para o público, convidado a participar nunha poxa real de réplicas de coñecidas obras de arte, achegando as súas ofertas para non marchar para a casa coas mans baleiras.

O importe recadado en cada unha das funcións, que sempre dependerá da xenerosidade do público, ten un destinatario: é a Cruz Vermella, que ao remate da xira percibirá todo o xuntado nestas curiosas poxas.

En www.coleccionistas.gal pódense consultar todas as datas da xira, que rematará en Vigo o próximo 10 de xuño logo de percorrer, ademais da Illa de Arousa, as localidades de Negreira, Ribadeo, Cee, A Coruña, Ponteareas, Melide, Verín, Lugo e O Carballiño.

     

No Comments

Post A Comment